xoves, 16 de abril de 2020

"TRABALLAMOS O CÁLCULO MENTAL"

 Bo día familias!

Hoxe ímoslle adicar este post á importancia do CÁLCULO MENTAL, non só é importante para a aprendizaxe das matemáticas senón tamén para desenvolver a memoria, a concentración, a atención, a axilidade mental, a flexibilidade de pensamento e mesmo a autoestima. É unha ferramenta matemática que nos serve para "manter en forma a nosa mente". No día a día das nosas vidas atopámonos con multitude de actos cotiáns que nos esixen poñer en marcha a mente para realizar rápidos cálculos matemáticos, por exemplo: deducir a volta dunha compra, un desconto nun comercio e outras operacións. Así que para que poidades practicar esta habilidade déixovos algunhas tarefas, unhas para facer de maneira online e outras que  podedes descargar premendo no enlace.
Para todos os niveis educativos tedes este xogo, SUMON. Nel hai que sumar as cifras que aparecen na pantalla ata chegar ao número indicado. Aínda que parece sinxelo trátase de facelo un pouco máis complicado para puntuar alto. As ideas básicas son dúas: cantos máis bloques uses e canto máis separados estean, mellor.
Por outra banda facilítovos estas fichas con xogos matemáticos de lóxica do tipo: pirámides e triángulos numéricos, cadros máxicos, etc.
Para rematar comparto convosco a seguinte tarefa: consiste en que o nen@ sexa capaz de compoñer e descompoñer mentalmente cantidades de euro. Se vos custa moito podedes facelo de xeito manipulativo, coas moedas.

martes, 14 de abril de 2020

"TRABALLAMOS A COMPRENSIÓN LECTORA"



BOA TARDE FAMILIAS!

Neste post traballaremos a COMPRENSIÓN LECTORA, pilar básico para a aprendizaxe en todas as áreas e niveis educativos. Podemos definila como "a capacidade que posúe cada un de nós para entender aquilo que estamos lendo, é dicir, comprender as ideas globais dun texto, procesalas e atopar o seu significado en base aos nosos coñecementos previos". Finalmente é importante sinalar que tanto a COMPRENSIÓN como a VELOCIDADE LECTORAS son prerrequisitos básicos para un bo estudo.
Para traballalas o que máis nos pode axudar é ler todos os días aínda que só sexa un anaquiño. É importante buscar lecturas coas que nos identifiquemos tendo en conta os nosos intereses e gustos. Tamén podemos realizar diferentes tarefas, entre as que se atopan: buscar no dicionario as palabras descoñecidas para poder comprender de maneira globalizada o que estamos lendo;  tentar resumir coas nosas propias palabras o texto (tanto de maneira oral como escrita); facer uso de textos coas palabras entrecortadas a metade e que sexamos capaces de lelo dunha maneira global completando de xeito visual a grafía a medida que lemos; utilizar diferentes cores para detectar as ideas principais das secundarias, entre outras.
Para os máis cativ@s facilítovos varias tarefas como por exemplo:
Sinalar as frases verdadeiras respecto ao debuxo coa axuda de pistas visuais.
Preguntas curtas que hai que responder en función dun debuxo.
Ordear unha serie de frases para crear un texto con sentido. 
Textos curtos con preguntas sinxelas.
Xogos de adiviñas: a maxia de resolver enigmas failles reler ata conseguir adiviñar do que se trata.
Para os máis grandes tamén deixo algunhas actividades:
A reconstrución dun texto desordeado require establecer unha progresión temática a partir de inferencias non só lingüísticas, senón tamén semánticas, retóricas e pragmáticas.
Lecturas piramidales para mellorar a velocidade e comprensión lectoras. 
Frases partidas para mellorar a velocidade e comprensión lectoras.
Textos variados para traballar a comprensión e velocidade lectoras.